Que significa ter esperanza en tempos difíciles? A esperanza é algo máis que un sentimento; non é simplemente ser sempre optimista, ou ter unha “actitude positiva”. As Escrituras ofrécennos unha comprensión da esperanza moito máis sólida. A esperanza cristiá ten forza, aguante e propósito, e Deus é a súa fonte.

Deus, “segundo a súa gran misericordia, fíxonos renacer a unha esperanza viva” (1 Ped. 1:3)¹. E é o noso “Deus de esperanza” o que permite que “rebordedes na esperanza pola forza do Espírito Santo” (Rom. 15:13). Esta realidade non é certa só nos bos tempos; de feito, é nos tempos escuros e difíciles cando a esperanza demostra de verdade o seu valor.

Como escribe Jay Y. Kim en “A Esperanza é un Salto Expectante”,

Así é a esperanza cristiá. Non ignora o medo, a ansiedade e a dúbida; failles fronte. Mantense firme, aferrándose á paz no medio do caos. A través das moitas tormentas traizoeiras da vida... A esperanza cristiá está fortalecida por algo máis grande que aconteceu e algo máis grande que volverá acontecer.

O proxecto de Advento 2020 de CT explora o tema da esperanza tal como se vai tecendo ao longo da historia bíblica. Nestas lecturas devocionais diarias reflexionaremos sobre a esperanza do pobo de Deus no Antigo Testamento e como confiaban plenamente en Deus durante as dificultades e as penurias [Semana 1]. Veremos profecías e promesas de esperanza que apuntaban cara ao Primeiro Advento: a vinda do Mesías [Semana 2]. Contemplaremos o milagre de esperanza que irrompeu na Encarnación, cando “a Palabra se fixo carne, e plantou entre nós a súa tenda” como unha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira (Xoán 1:14; Lucas 2:12). E reflexionaremos sobre a nosa esperanza na futura vinda de Cristo –o Segundo Advento que agardamos– que nos dá aguante, confianza e alegría na nosa vida diaria, sen importar as dificultades que poidamos afrontar [Semana 3 e 4].

Esta é a nosa "esperanza viva" ou, como consta na New Living Translation, a nosa "grande expectativa". A nosa esperanza está motivada pola nosa expectativa confiada de que o neno que naceu volverá algún día en gloria para enderezar tódalas cousas, e o seu reino non terá fin.

Kelli B.Trujillo, Editora

¹N. do T. : Tódalas referencias bíblicas, agás que se indique o contrario, están extraídas de A Biblia, ed. SEPT. Neste caso, o versículo 3 está traducido da RV60 por empregarse nela a expresión “unha esperanza viva”.

Tradución: Rubén Acuña Fernández

[ This article is also available in English español Português Français 简体中文 한국어 Indonesian, and 繁體中文. See all of our Galician (Galego) coverage. ]

Boletín gratuíto

More Newsletters